04/02/2026
A SOLUCIÓN É DESPRIVATIZAR O SERVIZO.
ANTE AS GRAVES DEFICIENCIAS DO SERVIZO DE TRANSPORTE SANITARIO non urxente (ambulatorio e hospitalario) e hospitalario urxente postas de manifesto durante os colapsos dos servizos de urxencias do mes de xaneiro do 2026 do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o Comité de Empresa da compañía adxudicataria do servizo na área sanitaria de Santiago - Barbanza, queremos manifestar publicamente o seguinte:
1º. DESDE SETEMBRO DO ANO 2024, o servizo de ambulancias desta área está adxudicado para a súa xestión privada á unión temporal de empresas TSNUX Santiago e Barbanza, composta polas compañías Ambulancias Casablanca Santiago, S.L. e Servicios Sanitarios del Cantábrico, S.L. Debemos deixar sentada a nosa absoluta discrepancia con relación a que calquera servizo que ten como finalidade garantir a atención sanitaria de pacientes poida ser explotado nun réxime de xestión privada, xa que isto resulta eticamente reprobable, ao drenar recursos que non teñen como finalidade servizos asistenciais, senón garantir a rendibilidade da explotación. No caso do transporte desta área sanitaria, o beneficio industrial ascenderá, ao final da duración do contrato, a 1,15 millóns de euros.
2º. A ADXUDICACIÓN REALIZOUSE SOBRE A BASE DE 45 AMBULANCIAS, que non foron incrementadas polo adxudicatario no tramite de licitación, e que son manifestamente insuficientes para unha área que conta cunha superficie total de 4.871 km cadrados e unha poboación afectada de 443.458 habitantes, cunha elevada dispersión xeográfica a través dos 45 municipios que a compoñen e na que se concentran 6 servizos de referencia a nivel estatal, ademais do novo centro de protonterapia.
Na nosa área de Santiago - Barbanza padecemos unha patente discriminación por razón de residencia, que atenta contra o principio de equidade, ao contar cunha ambulancia para cada 7.594 habitantes (a ratio máis alta de Galiza despois da área da Coruña) e un nivel de prestación de tan só 287 servizos por cada mil habitantes (dos máis baixos de Galiza), fronte aos 493 de Lugo, 349 de Pontevedra e 457 de Vigo.
3º. A pesares das reclamacións do persoal de que SON NECESARIAS 10 UNIDADES MAIS para garantir condicións mínimas de seguridade e calidade (unha no hospital, oito en ruta e outra para atención psiquiátrica), O CHUS CONTA CUNHA ASIGNACIÓN DE 2 AMBULANCIAS TIPO A1 (con padiola), que en múltiples ocasións dispoñen dun único condutor. Durante o colapso dos días 9 e 12 de xaneiro, a insuficiente dotación foi unha das causas que demorou a posta a disposición de camas abertas ocupadas por pacientes coa alta asignada. As horas de espera agardando polo transporte impediu que pacientes de urxencias co ingreso asinado puidesen acceder á planta, favorecendo a acumulación de pacientes graves nos corredores. Esta precariedade constitúe unha das causas estruturais que están a afectar aos servizos de urxencias e á vulneración de dereitos fundamentais dos pacientes colocados nos corredores agardando atención. Neste sentido debemos destacar a loita e duras negociacións do comité de empresa pola insostible situación e falta de medios que foi o que conseguiu o aumento dun vehículo máis no hospital, tres máis na ruta programada e unha unidade bariátrica.
4º. A XESTIÓN PRIVADA DO TRANSPORTE SANITARIO está danando a capacidade do persoal de ambulancia que, por non formar parte do cadro de persoal do SERGAS, non contan coa capacidade de acceso aos medios de desprazamento de pacientes (ascensores, padiolas, cadeiras de rodas…), nin información adecuada sobre as necesidades dos que transportan. Esta eiva organizativa, produto do sistema privado de xestión, afecta, non só á calidade de atención que pode prestar este persoal, senón tamén aos tempos de traslado e á súa propia seguridade e a dos pacientes durante o transporte.
5º. CONSIDERAMOS QUE AS DEFICIENCIAS ANTERIORES son consecuencia do modelo de xestión privado que prima os criterios económicos na adxudicación, que favorece a drenaxe de recursos públicos para retribuír o beneficio empresarial a custa da atención sanitaria, que carece de mecanismos democráticos de control e que rompe a coherencia da organización interna do servizo público de saúde.
ESIXIMOS, por conseguinte, que se proceda á DESPRIVATIZACIÓN do transporte público sanitario, que se dote o servizo dos medios, materiais e humanos, necesarios para garantir un funcionamento do conxunto do sistema de acordo cos principios de calidade e equidade e que se integre como persoal do SERGAS todo o persoal agora subrogado. Chamamos a pacientes e usuarios a denunciar as carencias das que sexan vítima durante a prestación do servizo baixo o convencimento de que só así será posible mellorar as condicións materiais de antención
Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS
Comité de Empresa UTE TSNUX Santiago – A Barbanza